PÓRTICO
Deus enviou ao seu Fillo á casa humana para restaurala e devolverlle ás persoas a súa dignidade auténtica. Por iso naceu de María, porque quería vestirse de home e vivir desde dentro a condición humana para salvala. Velaí o grande misterio que celebramos hoxe, no día de Nadal.
Pero.... despois de vinte e un séculos, podemos afirmar que temos aprendido a lección do Nadal?. Celebramos “as navidades”; pero non vivimos o Nadal, porque...
as navidades apacíguannos, adormécennos, regálannos e engórdannos. O Nadal interpélanos, espértanos, alégranos, aluméanos e acéndenos.
- as navidades pasan; o Nadal permanece
- as navidades van da man das ilusións; o Nadal vai da man da esperanza
- as navidades vístense escandalosamente de luxo; o Nadal vístese de austeridade
- as navidades instálannos; o Nadal estimúlanos
- as navidades converten o misterio en consumo; o Nadal axeónllase diante do misterio en oración
Cansos, moi cansos chegamos a Belén despois dunha peregrinación na que pasamos por terras difíciles que sufrían os efectos da insolidariedade, o paro, a supresións de dereitos, o crecemento das persoas pobres, o esquecemento dos excluídos e nas que se escoitaba un laio permanente: “estamos en crise”. Chegamos aquí buscando superación e cambio. Que a celebración que agora comezamos nos axude a facerlle sitio no noso corazón a este Neno que nace, para que nós tamén o fagamos nacer nos irmáns e nas irmás, porque así, sempre será Nadal para nós.
O PERDÓN
- Ti, Señor, naciches pobre para enriquecernos co teu amor. Nós, pola contra, preferimos acaparar riquezas aínda que fagamos pobres aos demais, por iso che dicimos: SEÑOR, QUE VIVAMOS NA SINXELEZA.
- Ti, Cristo, preferías servir e vestíasnos de dignidade. Nós, pola contra, queremos que nos sirvan e crémonos superiores aos demais, por iso che pedimos: CRISTO, QUE VIVAMOS NA SINXELEZA.
- Ti, Señor, perdoábasnos e bendicíasnos coa paz. Nós, pola contra, dividímonos, resentidos e enfrontámonos con violencia, por iso che suplicamos: SEÑOR, QUE VIVAMOS NA SINXELEZA.
REMUÍÑO
PRIMEIRO FALOUNOS POLO PROFETA:
QUE FERMOSOS SON SOBRE OS MONTES, OS PÉS DO MENSAXEIRO QUE ANUNCIA A PAZ!: As palabras da profecía de Isaías que escoitamos na primeira lectura, queren ser unha realidade no hoxe da nosa vida. O contexto é o mesmo: sobre o fondo do desconsolo e da servidume, coa nación en ruínas, o profeta pon a voz da esperanza, anunciando a vitoria, a paz e o reinado de Deus. E é algo tan real e cercano que xa ve polo camiño ao mensaxeiro da boa nova e aos vixías da cidade gritando e cantando ao Deus que vén coma liberador. O seu anuncio enche a terra. Todas as ruínas semellan restauradas na esperanza. Porque no medio da noite escura da humanidade, no medio da opresión e da marxinación, no medio do duro traballo necesario para vivir, no medio do acontecer anódino dun pobo e dunhas vidas humanas, no medio dun mundo en crise.... Deus faise presente para traernos e darnos a paz, a alegría, a salvación. O nacemento do Fillo de Deus en Belén, Casa do Pan, supón unha revolución universal, un cambio de valores radical. Aquel neno da manxadoira era a semente dun home novo, era a semente do Reino de Deus. Entre bágoas e sorrisos, berraba que outro mundo é posible; pero poñendo os medios, porque:
- o camiño da felicidade pasa pola austeridade
- o camiño da paz pasa pola xustiza
- o camiño da abundancia pasa pola solidariedade
- o camiño da liberación pasa polo esforzo e pola creatividade
- o camiño da salvación pasa polo amor
LOGO FALOUNOS POLO FILLO
AGORA FALOU POLO FILLO: Deus maniféstase coma alguén que está ao noso alcance, alguén tan pequeno coma nós. Deus non pretende avasalarnos desde fóra, vén á nosa vida desarmado. Podemos acoller o seu misterio en nós porque se nos ofrece na tenrura dun neno, e ofrécesenos con gratuidade, sinxeleza e amor. Non hai que buscar sinais externos ou chamativos para recoñecelo. Segue a manifestarse no cotián e no pobre, pero que está cheo de amor. Para dignificar ás persoas, Deus fíxose unha delas. Porque a dignidade humana:
non está en rodearse de poder e grandeza, pois a dignidade conseguida sería a costa da miseria dos demais
- non está en cultivar a ciencia e a sabedoría, pois a dignidade conseguida faríanos desprezar aos demais
- non está en acumular riquezas, pois a dignidade conseguida sería a costa das miserias dos demais
- non está na beleza, no éxito, no aplauso, pois a dignidade conseguida humillaría aos demais
- non está na santidade, pois a dignidade conseguida podería apartarnos dos demais
Por iso veu Deus, para ensinarnos que o que realmente defina e eleva ás persoas é o amor, porque estamos feitas á súa imaxe e semellanza. Veu para dicirnos co seu exemplo que as persoas realizámonos cando nos relacionamos, que nos facemos máis grandes cando aceptamos a verdade dos demais, que somos máis auténticas cando servimos, que somos máis felices cando compartimos, que somos máis sabias cando nos abrimos á trascendencia, que somos máis señores cando valoramos aos outros máis cá nós mesmos, que somos máis santos cando amamos ao outro máis cá nosa propia vida, coma Xesús. Veu para ensinarnos que, o mellor xeito de vivir, é a sinxeleza... e todo isto dínolo a través do seu Fillo, que naceu pobre.
QUERENDO DEIXARNOS A SÚA PRESENZA NOS SINAIS DO SEU ESPÍRITO
NON HABÍA SITIO PARA ELES NA POUSADA: Descubrimos a presenza de Deus en tres sinais sinxelos do evanxeo que proclamamos na Noiteboa: un neno, unha manxadoira, uns capizos.
- Un neno: expresa a preferencia de Deus polo pequeno, polo desvalido. É unha manifestación da súa tenrura. Evócanos protección, confianza, futuro, esperanza, desenvolvemento, promesa, responsabilidade.... O neno sorrí ao futuro, con el renóvase a esperanza da humanidade.
- Unha manxadoira: Nin palacios, nin tesouros, nin riquezas, senón pobreza e marxinación. Xesús nace e vive na austeridade, no despoxo e na desinstalación. Fixo opción polos pobres e identifícase con eles. Desde que El nace nunha manxadoira, todos os pobres son lugar teolóxico, sacramento e sinal da presenza de Deus.
- Uns capizos: Deus faise necesitado dos nosos servizos, quere deixarse axudar. Os cueiros significan xesto de servizo e axuda aos demais: roupa, menciñas, pan compartido, bico, sorriso, esmola, compaña.... sempre realizados con tenrura e respecto.
Porque do mesmo xeito que naquel tempo, tamén hoxe o neno que chega chama na nosa porta. Non fagamos coma os pousadeiros de Belén!. Non lle pechemos as portas. Se somos capaces de abrirlle a nosa casa, a nosa vida, o noso corazón... seguro que comezaremos a ver a luz do día con máis claridade, con outros ollos, con outra actitude... Pero esa luz móstrasenos cada día na sinxeleza, nos pobres e pequenos do lugar onde estamos; e chámanos a vivir sinxelamente para que, sinxelamente, outras persoas poidan vivir. Que deixemos que este Neno nado en Belén cuestione a nosa vida!.
ORACIÓN DA COMUNIDADE
Naceunos un Neno. Déusenos un Fillo. É o Salvador do mundo. Porque precisamos del, dicimos:
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que a dignidade de todas as persoas sexa recoñecida e respectada, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que as persoas que formamos a Igrexa nos sintamos enviadas a evanxelizar ás persoas pobres e a liberar ás persoas escravizadas, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que a paz e a xustiza florezan na terra, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que o desenvolvemento sexa humano e solidario, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que a globalización non sexa só económica, senón cultural, social, espiritual... solidaria, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que as persoas que teñen o poder o poñan ao servizo do pobo, especialmente dos máis necesitados, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Para que medren as organizacións e as vocacións de persoas voluntarias, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Por cada un e cada unha de nós, para que este Nadal sexa tempo de iniciación para vivir dun xeito máis sinxelo e comprometido, OREMOS.
VÉN AO NOSO CORAZÓN, SEÑOR
Vén ao noso corazón, Señor. Énchenos coa túa graza e fai de nós instrumentos de salvación e de paz. P.X.N.S. Amén.
PARA A REFLEXIÓN
Axúdanos a cambiar, Señor,
para mirar as cousas, o mundo, a vida
coa túa mirada e desde os teus ollos.
Sanda as nosas cegueiras,
que nos impiden ver a dor e o sufrimento
das persoas que camiñan ao noso carón,
das persoas que viven no noso mundo,
baixo o noso mesmo sol.
Sacude o veo dos nosos ollos
para que aprendamos a ver
con ollos cheos do Evanxeo e da esperanza do Reino.
Quita o veo dos nosos ollos
para que, vendo, poidamos conmovernos polas demais persoas
e movernos desde o máis profundo do corazón
para acudir a darlle unha man, e a vida toda,
ás persoas que están caídas e rotas á beira do camiño,
ás persoas ás que esta sociedade inxusta
tirou de lado porque non contan, non interesan
ou non son rendibles para as leis do mercado.
Axúdanos Señor
a ver,
e a cambiar...
a verte
e a optar...
a utilizar esa mirada marabillosa
que nos deixaches para mirar o mundo, a realidade, a vida:
a mirada do Evanxeo.
Para ver cos teus ollos de Deus,
para sentir co teu corazón compasivo,
para actuar levados pola forza
e polo lume comprometido do teu Espírito
para facermos posible, xa aquí na terra,
o mundo novo que agardamos,
o Reino dos ceos.
Así... sempre será Nadal.
Amén.
Parabéns a todos !
Xesús está aquí !!!
Fuente: http://xanostesaqui.blogspot.com